Premio Nacional de Sociología y Ciencia Política 2016

Descrición autobiográfica de D. Emilio Lamo de Espinosa
por Cristóbal Torres Albero

Emilio Lamo de Espinosa

O profesor da Universidad Complutense de Madrid, Emilio Lamo de Espinosa, é doutor en Dereito con premio extraordinario en 1973 pola Complutense e doutor en Socioloxía pola Universidade de California en Santa Bárbara —onde ampliou estudos e da que foi Visiting Professor—. En 1982 alcanzou a cátedra de socioloxía na propia Complutense, na que se xubilou ao finalizar o pasado curso, e mantén na actualidade a condición de membro da Real Academia de Ciencias Morales y Políticas e a de profesor emérito. Entre medias, en 2012, foi nomeado doutor honoris causa pola Universidad de Salamanca.

Nos corenta e tres anos que conforman este período de actividade, o profesor Lamo de Espinosa publicou vinte e dous libros e máis dun centenar de monografías científicas en forma de artigos, capítulos de libros ou recensións. As súas primeiras publicacións tiveron que ver, aínda durante o franquismo, coa recuperación da nosa historia intelectual centrada na figura e obra de Julián Besteiro e do socialismo democrático. Tamén coa crítica construtiva do marxismo ao que incorporou, no seu libro La teoría de la reificación. De Marx a la Escuela de Frankfurt, os argumentos do pragmatismo americano desenvolvidos no Interaccionismo Simbólico de George Herbert Mead, unha escola de pensamento e un autor daquela case descoñecido para nós. Igualmente cultivou a socioloxía do dereito e da desviación social co seu texto Delitos sin víctimas. Orden social y ambivalencia moral, no que abriu o debate sobre os delitos contra a moral dende unha posición radicalmente liberal.

Foi na socioloxía do coñecemento e da ciencia onde a perspicacia e agudeza analítica dos seus traballos alcanzaron a máis alta contribución ao progreso da conciencia sociolóxica. Así aconteceu, en primeiro lugar, ao identificar e ponderar o tema da reflexividade social na súa obra La sociedad reflexiva, antes mesmo que o fixeran profesores foráneos tan distinguidos como Anthony Giddens ou Ulrich Beck; en segundo lugar, ao desenvolver a súa idea da sociedade do coñecemento na monografía Sociedades de cultura y sociedades de ciencia, Premio Internacional de Ensaio Jovellanos; e, finalmente, ao trazar un mapa histórico e conceptual desta disciplina no volume Sociología del conocimiento y de la ciencia, escrito en colaboración co profesor José María González García e Cristóbal Torres Albero. Este nivel de continuada excelencia da súa produción prolóngase na máis xeral teoría sociolóxica, materializada en feitos tan relevantes como as dúas edicións do Dicionario de Sociología, editado xunto aos profesores Salvador Giner e Cristóbal Torres, ou no liderado do grupo de teoría sociolóxica da Federación Española de Sociología. Desta federación, que formaliza a asociación científica da socioloxía no noso país, foi o seu presidente entre 2007 e 2010.

Tamén pode destacarse a súa dedicación ao estudo tanto dos problemas de España e Europa como á emerxencia da sociedade transnacional e o seu goberno, materializado —como autor e editor— en libros como Entre dos siglos. Reflexiones sobre la democracia española, Bajo puertas de fuego. El nuevo desorden internacional ou, o máis recente, Europa después de Europa. Non cabe estrañarse desta última orientación do seu traballo intelectual, en tanto que o profesor Emilio Lamo de Espinosa non só mantivo unha sobresaínte actividade académico-científica, senón que tamén mostrou unha sólida e constante orientación cara á política e a xestión en distintos cargos, institucións e empresas. Nesta dedicación sobresae o seu papel na elaboración e desenvolvemento da Lei de reforma universitaria de 1983, —que fixo posible a modernización da Universidade española—; así como o seu liderado na posta en marcha e xestión do Consello de Universidades, do Pavillón de España da EXPO 92, do Instituto Universitario de Investigación Ortega y Gasset e, máis recentemente, do Real Instituto Elcano de Estudios Internacionales y Estratégicos, sen dúbida o think tank español máis prolífico e coñecido.

A todo o anterior hai que engadir a súa destacada contribución ao debate público, con máis de 300 columnas escritas nos principais xornais españois. Tampouco é de estrañar esta intensa actividade do profesor Lamo de Espinosa cara ao mundo da opinión publicada. En efecto, lonxe de entender que a socioloxía se reduce a unha boa explicación dirixida á torre de marfil na que en demasía vivimos os científicos, concíbea como unha forma de achegar os seus resultados a un público culto que xa é moi numeroso. Facendo nosa a súa proxección, pode sosterse que os sociólogos non só debemos escribir para os nosos colegas, senón tamén para audiencias que son cada vez máis masivas e máis cultas, e que nalgunha medida o son por coñecer os nosos achados e ideas. En boa lóxica reflexivista, o profesor Emilio Lamo de Espinosa diría que os sociólogos describimos a realidade social, pero somos, sobre todo, o instrumento do que se vale esa realidade para autocoñecerse.

Estas liñas, que permiten a gozosa oportunidade de glosar o traballo e a traxectoria académica e profesional do profesor Lamo de Espinosa, poñen de manifesto que non é necesario que opere o coñecido Efecto Mateo para que o seu nome e a súa obra se converteran xa en pedra miliar do camiño que os científicos da comunidade española de ciencias sociais percorremos no noso cotián intento de contribuír ao progreso do coñecemento da realidade social. Por todo iso, e en nome de todos os colegas, discípulos e amigos, moitas grazas, querido Emilio.

 

arrow_back