arrow_back
 

Lexislación

 
  • O Centro de Investigaciones Sociológicas é un Organismo autónomo de carácter administrativo, con personalidade xurídica e patrimonio propios, adscrito ao Ministerio da Presidencia, que ten por finalidade o estudo científico da sociedade española. O carácter de Organismo autónomo foille conferido pola Lei 4/1990, do 29 de xuño, e a súa organización e funcionamento foron regulados polo Real Decreto 1526/1990, do 8 de novembro.
  • Posteriormente, foi ditada a Lei 39/1995, do 19 de decembro, de Organización do Centro de Investigaciones Sociológicas. Esta Lei mantiña a natureza e funcións do centro previstas na Lei 4/1990 e no Real Decreto 1526/1990, garantindo a plena transparencia e acceso público aos resultados da actividade científica do centro, ademais dunha maior vinculación do mesmo coas Cortes Xerais. A súa disposición final primeira habilita ao Consello de Ministros para modificar a estrutura orgánica do organismo e a ditar cantas disposicións de aplicación e desenvolvemento da Lei sexan necesarias.
  • A aprobación da Lei 6/1997, de 14 de abril, de Organización e Funcionamento da Administración Xeral do Estado, supuxo un novo réxime regulador dos organismos autónomos, establecéndose na súa disposición transitoria terceira, a adaptación dos anteriormente existentes ás previsións desta Lei.
  • O Real Decreto 1214/1997, do 18 de xullo, procede á adaptación do Centro de Investigaciones Sociológicas no tipo de organismo autónomo regulado na citada Lei 6/1997, á vez que executa as previsións legais contidas na Lei 39/1995 e substitúe ao Real Decreto 1526/1990, recollendo gran parte das súas previsións, que dotan ao organismo de autonomía administrativa para o estudo científico da sociedade española, con pleno sometemento ás normas de toda Administración democrática e, en particular, aos principios de obxectividade e neutralidade na súa actuación, igualdade de acceso aos seus datos e respecto ao segredo estatístico e aos dereitos dos cidadáns.

    Isto supón modificar o réxime de actividades do Centro, para incorporar as previsións legais referidas á elevación ás Cortes Xerais dunha memoria relativa á execución do programa do ano precedente. Así mesmo, desenvólvense os principios de actuación nas investigacións mediante enquisa, encamiñados a garantir a transparencia investigadora, a utilización da información para o cumprimento dos obxectivos previstos e a protección da intimidade dos enquisados.

    Por outro lado, desenvólvense as novas previsións legais relativas ao acceso ao banco de datos, que ata o momento tiñan sido reguladas mediante unha Orde de 31 de marzo de 1993, garantindo a protección da intimidade das persoas, regulando o acceso de Deputados e Senadores ao mesmo no cumprimento das súas funcións parlamentarias, e establecendo uns mecanismos de seguimento por parte das Cortes Xerais e as Comunidades Autónomas en cuxo ámbito territorial se teñan desenvolvido as investigacións.

    Por último, este Real Decreto desenvolve a estrutura orgánica do Centro, tomando como base a que se estableceu mediante Real Decreto 1526/1990, e incorporando á mesma ao Consello Asesor previsto no artigo 11 da Lei 39/1995, formado por persoas de recoñecido prestixio no ámbito das ciencias sociais, con funcións consultivas e de asesoramento respecto dos proxectos de investigación.
  • O Real Decreto 923/2009, de 29 de maio, modificou a organización do CIS para adecuar o seu réxime de funcionamento á Lei 30/2007, de 30 de outubro, de Contratos do Sector Público. Deste xeito o Organismo pasa a ter a condición de medio propio e servizo técnico da Administración Xeral do Estado e dos organismos públicos vinculados ou dependentes, en relación coas funcións principais do Centro.
  • O Centro de Investigaciones Sociológicas desenvolverá as súas funcións de acordo cos principios de obxectividade e neutralidade na súa actuación, de igualdade de acceso aos seus datos e de respecto aos dereitos dos cidadáns e ao segredo estatístico, tendo en conta o establecido na Lei 12/1989, de 9 de maio, da Función Estatística Pública, e o disposto na Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, respecto dos límites no uso da informática e outras técnicas e medios de tratamento automatizado dos datos de carácter persoal, para garantir o honor, a intimidade persoal e familiar das persoas físicas e o pleno exercicio dos seus dereitos.