[Ir ao Descrición autobiográfica]
María Ángeles DURÁN
Madrid, 1942
Licenciada en CC. Políticas e Económicas, é doutora en Ciencias Políticas pola Universidad Complutense de Madrid. Recibiu o doutorado honoris causa pola Universidad Autónoma de Madrid, a de Valencia e Granada.
A súa tese doutoral “O traballo das mulleres” marcou o inicio da investigación sistemática sobre os condicionantes sociais na vida das mulleres en España. Realizou estancias de investigación ou docencia nas universidades de Michigan, Cambridge, Washington (Seattle), PUC de Río de Xaneiro, Instituto Europeo de Florencia, Colexio de España en París e Universidade Nacional Autónoma de México. Colabora con numerosas organizacións internacionais, entre elas, UNESCO, OMS, ONUmujeres e CEPAL.
O seu campo principal de investigación é a fronteira entre socioloxía e economía, especialmente o traballo non remunerado. Pioneira en moitos campos, foi a primeira muller que obtivo en España unha cátedra de Socioloxía. En 1987 incorporouse ao Consello Superior de Investigacións Científicas como profesora de investigación. Actualmente segue desenvolvendo a súa actividade, ad honorem, no Centro de Ciencias Humanas e Sociais.
Foi presidenta da Federación Española de Socioloxía (1998-2001), integrante do comité executivo da International Sociological Association, directora do Seminario de Estudos da Muller e da cátedra UNESCO de Políticas de Xénero e Igualdade de Dereitos entre Mulleres e Homes (2010-2013) na UAM.
O recoñecemento da súa obra supera as fronteiras académicas: recibiu, entre outros, o Premio Nacional de Investigación en Ciencias Económicas, Sociais e Xurídicas Pascual Madoz, a Medalla de Estremadura, a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo, o premio Juana Azurduy do Senado da República Arxentina, o Premio Clara Campoamor do Concello de Madrid, o nomeamento como colexiada de honra do Colexio de Arquitectos de Madrid, o Premio Cultura para a Saúde (ADEPS), o Premio Mensajeros de la Paz e o premio Protagonistas outorgado polos medios de comunicación para a modalidade de investigadores. En 2004 a Universidad Autónoma de Madrid instituíu o Premio María Ángeles Durán, destinado a fomentar a creatividade teórica e metodolóxica e impulsar a calidade da investigación nos estudos de xénero.
Autora de máis de duascentas publicacións, entre os seus libros destacan: Los costes invisibles de la enfermedad, El trabajo no remunerado en la economía global, Si Aristóteles levantara la cabeza, La investigación sobre el uso del tiempo, La ciudad compartida y La riqueza invisible del cuidado. Abertamente partidaria da investigación-acción, nos seus traballos reivindica tanto o rigor da observación empírica coma a imaxinación creativa e o compromiso social.