Biografía de Víctor Pérez-Díaz

[Ir ao Descrición autobiográfica]

Víctor Pérez-Díaz
  • Doutor en Socioloxía pola Universidade de Harvard e doutor en Dereito e en Ciencias Políticas pola Universidad Complutense de Madrid, Víctor Pérez-Díaz  (Madrid, 1938) é  catedrático de Socioloxía da Universidad Complutense de Madrid dende 1980. Ao longo dos últimos 50 anos, Pérez-Díaz reuniu méritos académicos e profesionais nas disciplinas da socioloxía, a ciencia política e a economía que o acreditan como unha das grandes figuras españolas das ciencias sociais contemporáneas.
  • Dirixiu e coordinou algúns dos servizos de estudos e institutos de investigación social máis importantes de España, como os departamentos de ciencias sociais  do Instituto Nacional de Industria (1979) e da Fundación FIES (1986), e o Centro de Estudios Avanzados en Ciencias Sociales (CEACS) do Instituto Juan March de Estudios e Investigaciones (1987-1992). Nestas institucións, Pérez-Díaz desempeñou un labor de formación de profesionais das ciencias sociais, e de produción e difusión de investigacións orientadas á análise da sociedade e a política españolas, co fin de impulsar o  debate público informado sobre as cuestións que máis interesan aos cidadáns das democracias actuais.
  •  Desenvolveu a súa actividade docente e investigadora como profesor visitante en diferentes departamentos de Ciencia Política, Socioloxía e Historia de universidades americanas e europeas, como a Universidade de San Diego California (1983, 1987, 1991, 1992 e 1993), o Massachusetts Institute of Technology  (1989 e 1990), a Universidade de Harvard (1992), o Institut des Sciences Politiques de París (1995),  a Universidade de Nova York (2000) e o Wissenschaftszentrum Berlin für Sozialforschung (2005). A través destas estancias nas que  compaxinou docencia e investigación, contribuíu decisivamente a establecer vínculos académicos con institucións universitarias punteiras e científicos sociais nos Estados Unidos e Europa. En virtude desta contribución e das súas achegas investigadoras, é membro fundador da Academia Europaea (dende  1988) e membro honorífico da American Academy of Arts and Sciences (dende 2006).
  • Actuou como asesor experto a petición de institucións públicas e privadas. Así, por exemplo, Pérez-Díaz participou na primeira e a segunda Comisións de Goberno Corporativo e, máis recentemente, presidiu o Comité de Expertos sobre o Factor de Sostibilidade do Sistema Público de Pensións. A súa participación nestas comisións concretouse en diversos informes clave para a discusión e adopción de decisións políticas, entre eles, os denominados “Código de Buen Gobierno: Informe Olivencia” (1998) e “Código Aldama” (2003), así como o “Informe sobre o factor de sostibilidade do sistema público de pensións” (2013).
  •  O currículo académico de Víctor Pérez-Díaz pon de manifesto o respecto e recoñecemento que suscita en institucións nacionais e internacionais, públicas e privadas. Aos méritos de investigación, dirección científica e asesoría experta xa salientados, cabería engadir a dirección de máis dunha ducia de teses doutorais de sociólogos e politólogos que na actualidade  forman parte do persoal docente e investigador de diversas universidades españolas e estranxeiras.
arrow_back