Atrás

O CIS outorga o II Premio REIS a un artigo sobre discriminación salarial dentro das organizacións.

Madrid, 20 abril 2011

Noticia


O CIS outorga o II Premio REIS a un artigo sobre discriminación salarial dentro das organizacións

Asinado por Emilio Castilla, o artigo "Mérito y discriminación dentro de las organizaciones: diferencias en la evaluación y retribución de empleados/as según género y origen étnico" publicouse en 2010 no n.º 129 da Revista Española de Investigaciones Sociológicas (REIS)

Profesor do Massachusetts Institute of Technology (MIT), Emilio J. Castilla explica no seu artigo como os procesos organizativos que se utilizan hoxe en día para fixar a retribución dos traballadores/as poden xerar desigualdade salarial dentro das organizacións. Utilizando datos do cadro de persoal dunha grande organización do sector privado, o autor identificou e examinou as dúas etapas principais dunha práctica común na empresa: a retribución variábel dos empregados/as utilizando unha gratificación por rendemento.

Esta investigación pon de manifesto que o xénero, a orixe étnica ou a nacionalidade dos empregados incide directamente tanto na primeira fase de avaliación do seu rendemento como na segunda fase de fixación da súa retribución salarial.

A análise lonxitudinal demostra que empregados/as estruturalmente equivalentes (é dicir, no mesmo posto e unidade de traballo, co mesmo/a supervisor/a e o mesmo capital humano) obteñen aumentos salariais diferentes mesmo despois de recibir a mesma puntuación na avaliación do rendemento, simplemente debido ao seu xénero, orixe étnica ou nacionalidade.

Conclúe o artigo cunha discusión sobre a relevancia destes resultados para a literatura sociolóxica existente sobre discriminación e desigualdade salarial por xénero e orixe étnica dentro das organizacións contemporáneas.

Este premio, dotado con 2 500 euros e fallado por primeira vez en xaneiro de 2010, pretende distinguir especialmente os traballos de maior orixinalidade, relevancia e calidade metodolóxica publicados anualmente na revista, e brinda, ao mesmo tempo, un estímulo aos seus autores para apoiar a difusión da súa actividade investigadora na comunidade científica nacional e internacional e incrementar a visibilidade do seu labor no campo das ciencias sociais.

Os membros do Consello Editorial da REIS integraron o xurado, que foi presidido polo presidente do CIS, Ramón Ramos.

icono Compartir ligazónCompartir ligazón

icono x (twitter)X (Twitter)