Unha obra do CIS sobre a imaxe dos políticos e o seu impacto no voto obtén o Premio AECPA 2011
Madrid, 14 xullo 2011
Noticia
Madrid, 13 de xullo. - "Líderes políticos, opinión pública y comportamiento electoral en España", de Guillem Rico, editado polo Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS) en 2009, gañou o Premio ao Mellor Libro, outorgado pola Asociación Española de Ciencia Política (AECPA). O xurado, que nesta edición valorou as obras publicadas nos dous últimos anos, destacou a súa orixinalidade, innovación, relevancia, impacto e repercusión.
Trátase do primeiro traballo de investigación que se publica en España onde se estuda de forma sistemática e en profundidade a natureza e efectos das imaxes dos líderes nas actitudes políticas e decisións de voto dos españois.
Guillem Rico, doutor en Ciencia Política pola Universidade Autónoma de Barcelona, demostra que as imaxes dos líderes exercen un impacto notable nas decisións de voto dos españois, corroborando un fenómeno xa intuído polos estudosos do comportamento electoral no noso país: unha boa valoración do líder incrementa significativamente a probabilidade de dar apoio ao seu partido.
Esta obra aproveita a dispoñibilidade da inxente base de datos do CIS, na que se recolle a popularidade dos candidatos ao longo dos últimos 30 anos, e inclúe unha análise da evolución das valoracións dos líderes do PSOE, PP/AP, IU/PCE, UCD e CDS entre 1979-2009.
Os resultados deste traballo suxiren que os cidadáns fan, en xeral, un uso sensato e politicamente razoado das consideracións sobre os líderes. Tamén demostra que as imaxes dos candidatos están íntima e congruentemente ligadas ás circunstancias do debate político, o rendemento dos gobernos e as propostas de acción dos partidos.
"Líderes políticos, opinión pública y comportamiento electoral en España" comparte este premio concedido ex aequo tamén á obra Azorín, testemuña parlamentaria. Periodismo y política de 1902 a 1923, de José Ferrándiz Lozano.