Metodoloxía
INTRODUCIÓN
Os barómetros do Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS) son as enquisas de opinión que, con periodicidade mensual, se realizan para facer o seguimento das opinións e actitudes da sociedade española ante distintas situacións ou acontecementos da actualidade.
A maioría das preguntas que inclúe a enquisa de cada mes refírense a cuestións da actualidade máis estrita (congreso do partido do goberno, atentado do 11 de marzo, ...) ou a un tema que se elixe como central (expectativas para o ano próximo, cultura política, ...) e só unha pequena parte son preguntas que se repiten ao longo do tempo, con periodicidades máis ou menos fixas. Como a metodoloxía dos barómetros é similar no que se refire ao ámbito, universo, procedemento de mostraxe, tamaño da mostra, etc., as respostas a estas preguntas son comparables e dan lugar ás correspondentes series temporais.
Desta forma, atópanse nos barómetros series de preguntas, mensuais ou trimestrais, relativas á avaliación da situación política actual e da súa evolución futura, a avaliación da situación económica actual e da súa evolución futura, a avaliación do labor do goberno da nación e do primeiro partido da oposición, a intención de voto en eleccións xerais, a estimación de voto, e a autolocalización ideolóxica nunha escala de gradación. Dende 1996 estas preguntas mantense dunha forma case continua cunha formulación similar, polo cal esta vai ser a data a partir da cal imos estudar e construír os indicadores aínda que se teñan resultados para períodos anteriores.
Aínda que as respostas a algunhas destas preguntas constitúen, en si mesmas, indicadores da evolución de certas variables, a miúdo resulta interesante tratar de resumir varias preguntas que se refiren a un mesmo tema nunha serie temporal ou indicador que sintetice nunha única cifra o conxunto da información en cada momento do tempo. Tamén, para unha única pregunta con varias opcións de resposta, pode resultar de interese a construción dun indicador sintético.
No próximo apartado preséntanse as metodoloxías para a construción dalgúns dos indicadores de temas sociais máis coñecidos. A continuación preséntase e xustifícase o tipo de indicador seleccionado. Nos últimos apartados móstranse en detalle as metodoloxías para cada unha das series.
METODOLOXÍAS PARA A CONSTRUCIÓN DE INDICADORES
Os números índices constitúen unha rama tradicional da estatística que estuda a construción de indicadores ou índices para comparar no espazo ou no tempo os fenómenos económicos e sociais.
Cando se trata de fenómenos que son medibles a través dunha variable cuantitativa, como pode ser o volume da produción, o nivel dos prezos, etc., a literatura ofrece toda unha serie de posibilidades: os índices simples, índices compostos de Laspeyres ou de Paasche, índice ideal de Fisher, etc.
No caso das enquisas de opinión, as variables ás que dan lugar as preguntas adoitan ser variables cualitativas, con distintas opcións de resposta. Así, por exemplo, a pregunta:
Comparando a responsabilidade dos centros educativos coa da familia, no que se refire ao desenvolvemento social e persoal dos mozos, ¿cre Vde. que...? | |
---|---|
% | |
Os centros deberían ter a responsabilidade principal | 2.8 |
A responsabilidade debería ser compartida | 63.7 |
A familia debería ter a responsabilidade principal | 32.2 |
N.S. | 1.1 |
N.C. | 0.2 |
TOTAL | 100 |
dá lugar a unha variable cualitativa con cinco opcións de resposta. Os resultados preséntanse, en xeral, como as porcentaxes de resposta para cada unha das opcións.
Para este tipo de variables non serven os índices tradicionais e tratara de construírse algún indicador alternativo que sintetice nunha soa cifra toda a información. Isto adoita facerse, por analoxía co caso das variables cuantitativas, calculando números índices, saldos de respostas, etc.
A continuación, preséntase algúns dos indicadores máis coñecidos que se constrúen a partir de enquisas de opinión no ámbito internacional.
Índice de Confianza do Consumidor. Este indicador é elaborado dende 1967 para The Conference Board nos Estados Unidos. Os cuestionarios envíanse por correo a unha mostra representativa de 5.000 familias (responden unhas 3.500 de media), diferente cada mes. Inclúen 5 preguntas:
- Valoración da situación económica actual.
- Expectativas sobre a situación económica dentro de 6 meses.
- Valoración da situación de emprego actual.
- Expectativas sobre a situación de emprego dentro de 6 meses.
- Expectativas sobre o total dos ingresos familiares dentro de 6 meses.
Para cada unha das preguntas hai tres opcións de resposta: positiva, negativa ou neutra.
Para cada pregunta, o número de respostas positivas divídese entre a suma das positivas e as negativas para obter o valor relativo ou proporción. Estas proporcións de resposta son axustadas estacionalmente e, posteriormente, divididas pola proporción media do ano 1985 para obter un índice con base 1985 de cada pregunta.
Obtense os indicadores:
- Índice de Confianza do Consumidor: media dos 5 índices.
- Índice de situación actual: media dos índices das preguntas 1 e 3.
- Índice de expectativas: media dos índices das preguntas 2, 4 e 5.
Índice de Confort do Consumidor. A revista ABC News/Money elabora este indicador a partir dunha enquisa telefónica mensual de ámbito nacional (EUA) a aproximadamente 1.000 adultos dende 1985.
As tres preguntas utilizadas son:
- ¿Describiría vostede a situación actual da economía nacional como excelente, boa, non tan boa ou pobre?
- ¿Describiría vostede a situación actual das súas finanzas persoais como excelente, boa, non tan boa ou pobre?
- Considerando o custo actual das cousas e as súas finanzas persoais propias, ¿diría vostede que o momento actual é excelente, bo, non tan bo ou pobre para comprar as cousas que quere e necesita?
Calcúlanse os saldos de resposta (diferenza entre as respostas positivas e as negativas) para cada pregunta. Posteriormente, súmanse estes 3 saldos e divídense entre 3 para obter o Índice de Confort do Consumidor. Por tanto, este indicador ten un rango entre +100 (todo respostas positivas nas 3 preguntas) e -100 (todo respostas negativas nas 3 preguntas).
Índice de Sentimento do Consumidor. O Centro de Investigación do Consumo da Universidade de Michigan realiza unha enquisa mensual aos consumidores a partir da cal se obteñen os indicadores.
As cinco preguntas incluídas son:
- (x1) Estamos interesados na situación financeira actual das persoas. ¿Diría que vostede (e a familia coa que convive) está financeiramente mellor ou peor que hai un ano?
- (x2) Mirando adiante, ¿cre que dentro dun ano vostede (e a familia coa que convive) estará financeiramente mellor, peor ou igual que agora?
- (x3) Volvendo ás condicións económicas do país en conxunto ¿cre que durante os próximos doce meses teremos financeiramente bos tempos, malos tempos ou outra cousa?
- (x4) Mirando adiante, ¿diría vostede que é máis esperable que no país teñamos durante os próximos 5 anos continuamente bos tempos ou teñamos desemprego xeneralizado, depresión ou outra cousa?
- (x5) Respecto ás cousas que a xente compra para os seus fogares -tales como mobles, unha neveira, televisión e cousas como estas-, falando en xeral, ¿cre que agora é un bo ou un mal momento para que a xente compre grandes obxectos para o fogar?
Para calcular o Índice de Sentimento do Consumidor (ICS) calcúlanse primeiro as puntuacións relativas (a porcentaxe de respostas positivas menos a porcentaxe de respostas negativas máis 100) para cada unha das 5 preguntas. Despois redondéanse ao número enteiro máis próximo. Usando a fórmula que se mostra a continuación, súmanse as 5 puntuacións relativas, divídese pola puntuación relativa do ano base 1996 que é 6,7558 e engádese 2.0 (unha constante que trata de corrixir cambios no deseño da mostra dos anos cincuenta):
Usando o mesmo procedemento, calcúlanse o Índice de Situación Económica Actual (ICC) e o Índice de Expectativas do Consumidor (ICE) segundo as seguintes fórmulas:
Índice de Optimismo Económico. Elaborado polo TechnoMetrica Institute of Policy and Politics (TIPP) dos Estados Unidos, baséase nas respostas a unha enquisa telefónica mensual dirixida a aproximadamente 1.000 adultos. Para este indicador as preguntas son:
- Nos próximos seis meses ¿pensa que a situación económica no país será mellor, peor ou similar á actual?
- Nos próximos seis meses ¿pensa que a súa situación económica persoal será mellor, peor ou similar á actual?
- ¿como se considera respecto ás políticas económicas federais actuais para manter a economía cara á boa dirección: moi satisfeito, algo satisfeito, non moi satisfeito ou en absoluto satisfeito?
O cálculo faise da seguinte forma:
- Se a pregunta ten unha resposta positiva e unha negativa (mellor e peor, aproba e desaproba), o compoñente do índice para esa pregunta é o seguinte:
onde p+ é a porcentaxe de resposta positiva e p- a porcentaxe de resposta negativa.
- Se a pregunta admite unha selección entre dúas respostas positivas e dúas negativas (moi satisfeito, algo satisfeito, non moi satisfeito, en absoluto satisfeito), o compoñente do índice utiliza a seguinte fórmula: onde p++ é a porcentaxe que responde fortemente positivo, p-- é a porcentaxe que responde fortemente negativo, p+ é a porcentaxe que responde moderadamente positivo e p- a porcentaxe que responde moderadamente negativo.
Posteriormente, faise unha media dos compoñentes das preguntas para calcular o índice agregado. Cando o nivel dun índice é superior a 50, o número de respostas positivas é superior ao número de respostas negativas. Se todas as respostas son fortemente positivas o índice é 100 e se todas son fortemente negativas o índice é 0.
Índice de Liderado Presidencial. Elaborado tamén polo TIPP, baséase nunha enquisa telefónica mensual análoga. Para este indicador as preguntas son:
- En conxunto, ¿a súa opinión acerca de George W. Bush é xeralmente favorable, xeralmente non favorable ou non lle é o suficientemente familiar para opinar?
- En xeral, ¿aproba ou desaproba a forma na que George W. Bush realiza o seu traballo como presidente ou non lle é o suficientemente familiar para opinar?
- ¿Como describiría o liderado que o Presidente Bush está a proporcionar para o país? ¿Diría que é moi forte, forte, moderado, débil ou moi débil?
O cálculo dos índices faise da mesma forma que o anterior.
Índice de Perspectiva Nacional. Elaborado tamén polo TIPP, tamén se basea nunha análoga enquisa telefónica mensual. As súas preguntas son:
- En xeral, ¿como de satisfeito está vostede coa dirección que as cousas teñen no país neste momento? ¿Diría que está moi satisfeito, algo satisfeito, non moi satisfeito ou en absoluto satisfeito?
- Falando en xeral, ¿como de satisfeito está vostede coa dirección que as cousas teñen no país neste momento en termos morais e éticos? ¿Diría que está moi satisfeito, algo satisfeito, non moi satisfeito ou en absoluto satisfeito?
- Falando en xeral, nos próximos seis meses, ¿pensa que a posición de Estados Unidos como líder mundial será mellor, peor ou igual que a que é agora?
- Nos próximos seis meses, ¿pensa que a súa calidade de vida será mellor, peor ou igual que a que é agora?
Tamén o cálculo dos índices se fai como os anteriores.
CÁLCULO DOS INDICADORES DO BARÓMETRO
Como xa se indicou, as porcentaxes de resposta directa ás preguntas constitúen en si mesmas, ás veces, indicadores dos fenómenos que describen. Un exemplo válido serían as porcentaxes de intención de voto a cada partido político. Para estes casos non é necesaria a construción de indicadores adicionais.
Neste apartado imos describir o procedemento xeral de cálculo que utilizaremos para aquelas preguntas nas que resulta de interese a construción do indicador. Imos velo para o caso dunha pregunta illada, xa que, como se observou no apartado anterior, é nisto no que varían os distintos métodos. Á hora de agregar os resultados de varias preguntas, en todos os casos tómase, como indicador para o conxunto, a media aritmética dos indicadores para cada pregunta.
Comparando os métodos de cálculo mostrados no anterior apartado, pódense facer algunhas observacións:
- Os índices calculados para o Índice de Confort do Consumidor toman valores entre -100 e 100. Estes son máis difíciles de interpretar que os que toman só valores positivos e resultan especialmente complicados cando se queren interpretar todos respecto a un mesmo período base.
- Nos casos en que existen tres opcións de resposta (positiva, nula e negativa) con proporcións de resposta p+, p0 e p-, respectivamente, adoitan tomarse os saldos de resposta por coincidir coa media da variable:
- O Índice de Confianza do Consumidor ten como período base o ano 1985 e o Índice de Sentimento do Consumidor ten base 1996. Na teoría de números índices, o obxectivo ao tomar un período base é poñer as cifras nunha mesma magnitude, para que se poidan comparar e operar entre elas. É dicir, cando se teñen medidas nalgunha magnitude física para cada período (por exemplo, volumes de produción en quilos, litros, ...), divídese pola magnitude do período base, para obter unhas cifras -as proporcións respecto ao período base-, que son comparables.
No caso que nos ocupa -as respostas a preguntas que dan orixe a variables cualitativas-, os resultados tómanse en forma de proporcións de resposta para cada categoría, cifras que xa son comparables directamente, polo que non parece necesario tomar un período base (posteriormente, sempre se poden facer todos os índices relativos a un período base sen máis que dividilos pola media aritmética dese período).
Por outra parte, a elección do período base permite unha certa manipulación que pode afectar á validez dos índices. Como exemplo, véxase no Gráfico 1 as series de puntuacións entre 0 e 100 Serie1 e Serie2 dende o ano 2000 ao 2002. Estas puntuacións son directamente comparables e obsérvase que no 2002 toman ambas o mesmo valor de 50.
Podemos tomar como base o ano 2000 e obtense as series que se presentan no Gráfico 2.
Mais tamén poderíamos tomar como ano base o 2001, obténdose o Gráfico 3.
É dicir, podemos elixir un ano base que nos permita ver máis positivamente no ano 2002 á Serie1 ou a Serie2, segundo conveña, a pesar de que as puntuacións para ese ano son idénticas. Para evitar estas flexibilidades, parece máis razoable, en cifras que son comparables directamente, non tomar un período base fixo.
- O Índice de Confianza do Consumidor de The Conference Board desestacionaliza previamente as series das proporcións de cada opción de resposta. Non obstante, as proporcións de resposta das series dos barómetros do CIS analizadas non teñen compoñente estacional significativo, polo que non parece necesario engadir este paso, que supón unha maior complexidade na elaboración dos indicadores. Por outra parte, á hora de construír indicadores agregados, é discutible se é preferible desestacionalizar e logo agregar os indicadores ou proceder ao revés.
Visto o anterior, tratamos de construír indicadores sen os inconvenientes sinalados e, á vez, o máis sinxelos posibles.
As preguntas para as que queremos construír indicadores son as que teñen opcións de resposta do tipo:
- Positivo
- Nulo
- Negativo
ou do tipo:
- Moi Bo
- Bo
- Regular
- Malo
- Moi Malo
é dicir, opcións de resposta nas que se observa unha gradación. Por este motivo, pódese asociar a cada opción de resposta unha puntuación. Eliximos puntuacións entre 0 e 100 dende o máis negativo ao máis positivo, pola súa facilidade de utilización. Outorgamos estas puntuacións dende un punto de vista bayesiano, onde non hai ningunha razón que nos afaste de supoñer a equidistancia. Por tanto, para o caso de 5 opcións de resposta, teremos:
Opción | Puntuación | |
---|---|---|
x1 | Moi Bo | 100 |
x2 | Bo | 75 |
x3 | Regular | 50 |
x4 | Malo | 25 |
x5 | Moi Malo | 0 |
e, para o caso de tres opcións:
Opción | Puntuación | |
---|---|---|
x1 | Positivo | 100 |
x2 | Nulo | 50 |
x3 | Negativo | 0 |
O indicador que eliximos é a media aritmética das puntuacións ponderada coas proporcións de resposta. Así, para o caso de 5 opcións, se p1, p2, p3, p4 e p5 son as proporcións de resposta respectivas das distintas opcións, o indicador será:
O cálculo sería análogo no caso de ter tres opcións ou no caso de non ter categoría ou opción de resposta central.
Este indicador parece o "natural" en variables que presentan gradación nas opcións de resposta e ten a vantaxe de ser sinxelo.
Ademais, coincide no seu cálculo con outros indicadores cuxa construción é, en aparencia, máis sofisticada: os índices de Optimismo Económico, Liderado Presidencial e Perspectiva Nacional elaborados polo TIPP.
En efecto, se temos 5 opcións de resposta, o cálculo do TIPP sería:
Un aspecto a ter en conta ao construír os indicadores do CIS é o feito de que, neste caso, non se trata de deseñar un cuestionario coas preguntas que se consideren idóneas para iso, senón que se trata de aproveitar as preguntas que se viñeron facendo durante anos con metodoloxía similar. Por iso, ás veces non se constrúen os indicadores que se poderían considerar os mellores.
Pasamos a describir nos próximos apartados todos os índices e indicadores que se elaboran a partir dos barómetros. Preséntanse agrupados por temas, tal como se constrúen.
INDICADORES DA SITUACIÓN ECONÓMICA
Nos barómetros de todos os meses (agás en agosto, que non se elabora a enquisa) aparecen dúas preguntas relativas á situación económica:
- P1: Referíndonos agora á situación económica xeral de España, ¿como a cualificaría Vde.: moi boa, boa, regular, mala ou moi mala?
- P2: E, ¿cre Vde. que dentro dun ano a situación económica do país será mellor, igual ou peor que agora?
Ás veces, pregúntase tamén pola situación retrospectiva mais, ao non terse realizado dende 1996 de forma sistemática, non se considera para a elaboración dos indicadores.
Constrúese o Indicador da Situación Económica Actual (SEA) a partir da pregunta P1 como:
onde p1, p2, p3, p4 e p5 son, respectivamente, as proporcións de resposta das opcións moi boa, boa, regular, mala e moi mala, respectivamente.
Analogamente, constrúese o Indicador de Expectativas Económicas (IEE) a partir da pregunta P2 como
onde p1, p2 e p3 son, respectivamente, as proporcións de resposta das opcións mellor, igual e peor, respectivamente.
Por último, o Indicador de Confianza Económica (ICE) é a media aritmética dos outros dous:
Nos Gráficos 4 a 7 móstranse estes indicadores dende 1996.
INDICADORES DA SITUACIÓN POLÍTICA
As preguntas dos barómetros de todos os meses relativas á situación política son:
- P1: Referíndonos agora á situación política xeral de España, ¿como a cualificaría Vde.: moi boa, boa, regular, mala ou moi mala?
- P2: E, ¿cre Vde. que dentro dun ano a situación política do país será mellor, igual ou peor que agora?
É dicir, son preguntas totalmente análogas ás relativas á situación económica. Tamén se pregunta, ás veces, pola situación retrospectiva mais, ao non terse realizado dende 1996 de forma sistemática, non se considera para a elaboración dos indicadores. Estes construiranse en forma análoga.
O Indicador da Situación Política Actual (SPA), a partir da pregunta P1 será:
onde p1, p2, p3, p4 e p5 son, respectivamente, as proporcións de resposta das opcións moi boa, boa, regular, mala e moi mala, respectivamente.
O Indicador de Expectativas Políticas (IEP) a partir da pregunta P2 será:
onde p1, p2 e p3 son, respectivamente, as proporcións de resposta das opcións mellor, igual e peor, respectivamente.
Por último, o Indicador de Confianza Política (ICP) é a media aritmética dos outros dous:
Nos gráficos 8 a 11 móstranse estes indicadores.
INDICADORES DO SISTEMA POLÍTICO
As preguntas dos barómetros que se consideran para estes indicadores son:
- P1: No seu conxunto, ¿como cualificaría Vde. a xestión que está a facer o goberno do PSOE: moi boa, boa, regular, mala ou moi mala?
- P2: No seu conxunto, ¿como cualificaría Vde. a xestión que está a facer o goberno do PP: moi boa, boa, regular, mala ou moi mala?
- P3: En xeral, ¿como cualificaría Vde. a actuación política que está a ter o PSOE na oposición: moi boa, boa, regular, mala ou moi mala?
- P4: En xeral, ¿como cualificaría Vde. a actuación política que está a ter o PP na oposición: moi boa, boa, regular, mala ou moi mala?
Nos barómetros do primeiro mes de cada trimestre dende 1996 realízanse as preguntas P1 e P4 ou P2 e P3 alternativamente, dependendo de cal é o partido no goberno e cal é o primeiro partido da oposición.
A partir destas preguntas, constrúense, en primeiro lugar, as series de Valoración do Labor do Goberno e Valoración do labor do Primeiro Partido da Oposición sen máis que intercalar as preguntas P1 e P2 por un lado, e P3 e P4 polo outro, respectivamente (avalían o comportamento do goberno e a oposición, independentemente do partido ao que pertenzan os seus membros).
Posteriormente, elabóranse os indicadores:
- Indicador do Labor do Goberno (ILG):
onde p1, p2, p3, p4 e p5 son, respectivamente, as proporcións de resposta das opcións moi boa, boa, regular, mala e moi mala, respectivamente, nas preguntas P1 e P2.
- Indicador do Labor da Oposición (ILO):
onde p1, p2, p3, p4 e p5 son, respectivamente, as proporcións de resposta das opcións moi boa, boa, regular, mala e moi mala, respectivamente, nas preguntas P3 e P4.
Constrúese despois o Indicador de Confianza do Sistema Político (ICSP) como a media aritmética dos outros dous:
Nos Gráficos 12 a 15 móstranse estes indicadores.
INDICADORES ELECTORAIS
As series electorais obtense da seguinte pregunta dos barómetros do primeiro mes de cada trimestre:
- Supoñendo que mañá se celebrasen eleccións xerais, é dicir, ao Parlamento Español, ¿a que partido votaría Vde.?
O primeiro indicador coñécese como Intención de Voto e non é máis que a serie das porcentaxes de resposta para cada partido político. Esta serie en si mesma constitúe un indicador que non precisa de ningunha elaboración.
Preséntanse os resultados para os principais partidos nos Gráficos 16 e 17.
Non obstante, as respostas a esta pregunta non constitúen unha boa previsión se o que se pretende é achegarse aos resultados dunhas eleccións próximas, xa que son moi altas as porcentaxes de resposta para as opcións "Non sabe" e "Non contesta".
Para predicir mellor os resultados electorais, o CIS constrúe a partir da Intención de Voto o que se coñece como Estimación de Voto, que non é máis que aplicar á Intención de Voto un modelo de corrección baseado noutras variables da enquisa, a experiencia pasada, informacións de tipo cualitativo, etc.
Por este motivo, a Estimación de Voto non é un indicador comparable ao resto dos que se presentan, na medida en que o seu método de cálculo nunca se fixo público e cambiou cos distintos equipos de dirección do CIS. Podería considerarse que non constitúe unha auténtica serie temporal, mais, polo seu interese, preséntase entre os indicadores electorais e móstrase nos Gráficos 18 e 19 para os principais partidos.
AUTOLOCALIZACIÓN IDEOLÓXICA
A partir da pregunta:
- Cando se fala de política utilízanse normalmente as expresións esquerda e dereita. Nesta tarxeta hai unha serie de casas que van de esquerda (co valor 1) a dereita (co valor 10). ¿En que casa se situaría Vde.?
constrúese o indicador de Autolocalización Ideolóxica como a media aritmética das respostas (eliminando os "Non sabe" e "Non contesta"). Ao ser unha variable de tipo cuantitativo, a media é o máis sinxelo e mellor indicador a elixir.
Adóitase calcular tamén a desviación típica, que se mantén practicamente constante, para verificar a validez do cálculo da media.
No Gráfico 20 amósase o indicador.
É importante sinalar que este indicador está nesgado á esquerda nunha medida difícil de avaliar. A utilización da escala de 1 a 10 produce este efecto indesexado (probablemente se utiliza para evitar as connotacións negativas de asignar a puntuación 0 á esquerda).
En efecto, se se estudan as porcentaxes de resposta para cada unha das puntuacións de 1 a 10, obsérvase que, sistematicamente, o valor 5 constitúe unha moda moi alta en todas as datas. Isto parece indicar que os respondentes interpretan o valor 5 como un valor medio, por estar habituados a manexar, en moitas situacións, a escala do 0 ao 10 na que o valor 5 é o punto medio. Non obstante, na escala do 1 ao 10 que se utiliza nesta pregunta, o valor medio é o 5,5, polo que a media aritmética obtida estará máis á esquerda do que corresponde.
BIBLIOGRAFÍA
- " Essays in Index Number Theory", W.E. Diewert, A.O. Nakamura. Ed. North-Holland (1993).
- " The TIPP Indices Methodology".
- " Consumer Confidence Survey Methodology".
- " The ABC News/Washington Post Consumer Comfort Index: Methodology".
- " Index calculations. Survey of Consumers. University of Michigan".
- " Nota Metodológica sobre los Indicadores del Barómetro". Pilar Rey del Castillo. Revista Española de Investigaciones Sociológicas nº108. Centro de Investigaciones Sociológicas. Octubre-Diciembre 2004.